///NOVAS///CONCERTOS///MÚSICA///FOTOS///VIDEO///BANDAS///LIGAZÓNS///F.A.Q.///                                     

30/12/15

TOP 20 Ramallosa Rock City 2015

Estes son os discos que máis me prestaron este ano. A verdade que foi unha lista máis complexa de facer que a dos anos anteriores debido á boa calidade das grabacións publicadas. Quedaron discos fora da lista que tamén están moi ben. Ademáis este ano escoitei moito moitos discos que non foron publicados en 2015, polo que non aparecen aquí mencionados. Agardo que vos presten estes discos tanto como me prestaron a min. Saúde!

⑳ Baroness - Purple Album

Disco de últimísima hora. Quizáis con máis tempo para escoitalo estaría nun mellor posto pero parecíame un pecado non incluílo. Xa había ganas de novo material de Baroness, inevitablemente precedido do aparatoso accidente de bus sufrido na xira e os cambios de formación. Atopamos un disco na liña melódica do anterior "Yellow&Green" (para min o seu mellor traballo) pero mostran estruturas máis directas, polo que se fai moito máis fácil de dixerir. Ao mellor repite no top 2016 ;)






⑲ Caxade e a Banda de Música da Bandeira - A Dança das Moscas ao vivo

Outro traballo de recente publicación. Paréceme unha idea xenial, onde se reivindica a figura das bandas municipais como escola de música en Galicia. O disco fai un repaso ao album debut de Caxade "A Dança das Moscas" e inclúe unha peza (supoño) inédita onde a banda de música da Bandeira fai que os temas alcancen unha nova dimensión, dotandoos de máis máxia se cadra. O formato CD+DVD fai que poidas vivir de novo o concerto do Culturgal, que segundo testemuñas é fiel reflexo do alí vivido.





⑱ Rammstein - In Amerika

A primeira vez que se inclúe un DVD no TOP20 Ramalloso. Rammstein levan uns anos en plan vago publicando cd´s e dvd´s recopilatorios e o seu último disco de estudio é de 2009. O forte da banda é o directo, eles sábeno ben e por iso coidan e protexen tanto os seus espectáculos, dos que apenas publican imaxes ata anos despois, como xa pasou co anterior directo "Volkerball". Neste "In Amerika" atopamos un directo da xira 2010 do "Liebe ist fur alle da" (gran disco por certo) no Madison Square Garden de Nova York. Este concerto foi en setembro, e dous meses antes tiven a sorte de velos en Bilbao co mesmo show, polo que me fai especial ilusión que publiquen o espectáculo da mesma xira no que os vin. Recordo que me impresionou o ensaiado que ía todo, musicalmente como a nivel de pirotécnia, todo medido ao milímetro. O repertorio escollido non ten queixa ningunha, no que ten moita presenza o disco novo pero tamén recuperan temas vellos como Engel. A maiores trae un par de documentais bastante interesantes que dan valor engadido ao dvd.







⑰ Backyard Babies - Four by Four

Despois de tantos anos en hiato os Backyard Babies voltaron cunha xira e disco novo baixo o brazo. Parece que estes anos de descanso, onde Nicke e Dregen traballaron en proxectos en solitario, sentou ben xa que servíu para coller as forzas que faltaban nos discos anteriores ao parón. O adianto  "Th1rt3en or Nothing" lembroume un pouco ao sleaze dos 80 pero deixoume un pouco indiferente. Por sorte o disco vai por outro camiño e as guitarras e actitude punkeiras están moi presentes ao longo do traballo. Obviamente nunca van sacar outro traballo do nivel do "Total13" pero con pezas como "I´m on my way to save your R&R" eu síntome máis que satisfeito co regreso.




⑯ Munford&Sons - Wilder Mind

Un disco arriscado e envolto en polémica polo cambio de estilo da banda. Eu son moi afín das bandas que arriscan e cambian disco a disco así que lle din unha oportunidade a este traballo, onde deixan aparcadas as guitarras acusticas e o folk americano para traballar nun estilo máis indie con guitarras eléctricas e distorsión (que tampouco moita). Pese ao cambio, o bo facer do cantante segue intacto e tantos anos mamando do folk tamén fai que en certa maneira exista un elemento común entre este disco e os anteriores. Seguen aparecendo temas que emocionan e teñén certa épica como "Belive" e mesmo se atreven con bases electrónicas en "Monster".




⑮ Bunbury - El libro de las Mutaciones

Un MTV Unplugged que se sae do formato habitual deste tipo de concertos onde Bunbury fai un repaso á toda a súa discografía con Heroes e en solitario, collendo sobre todo rarezas e temas que non adoita tocar en directo, dándolle un lavado de cara onde introducen arranxos de guitarra Tarantinianas, órganos ao Stevie Wonder, coristas e unha manchea de colaboracións bastante interesantes Carla Morrison e León Larregui. O resultado final vai na onda de rock fronterizo que ven facendo nos últimos traballos, cuns arranxos moi coidados, elegantes e envolto no misticismo propio destes acústicos. Moi recomendable.




⑭ Iron Maiden - The Book of Souls

Tras cinco anos sen disco de estudio, volven os putos xefes. O disco viña precedido da noticia do cáncer do cantante Bruce Dickinson, que grabou as voces antes da operación coa idea de que podía ser o último disco que fixera. Por sorte todo saíu ben e para o ano a xira traeraos a Viveiro. Cando anunciaron a portada e o tracklist tiven bastante hype, gustoume moito o novo Eddie e pola lonxitude dos temas parecía que veñen máis progresivos que nunca. Ao escoitar o disco o certo é que levei unha pequena decepción, non me acabou de convencer, pero de pasoume así cos dous discos anteriores que agora me parecen moi bos, sobre todo o "Matter of Life and Death" polo que   decidín dar unhas cantas oportunidades máis e agora xa teño unha visión máis clara do traballo. Hai momentos mois bos nas cancións pero parece que lles faltou concretar un pouco, por cuestións familiares Steve Harris tivo pouca participación no disco e quizais iso explique algo. A estas alturas Maiden non van cambiar moito no seu son, como AC/DC, pero permítense certas innovacións en temas como "If Eternity should Fail" "The Great Unknown" ou "Empire of the Clouds" que son de agradecer. Noutros temas atopamos elementos xa vistos ao longo da súa discografía, pero que seguen funcionando como é o caso da canción que da título ao disco, que para o meu entender é a mellor do traballo. É un disco difícil de dixerir pero con moi bos momentos.
⑬ Martin Gore - MG

Disco en solitario de Martin Gore, membro fundador de Depeche Mode, descrito por el como unha banda sonora para unha película inexistente. Atopamos un traballo instrumental cos sintetizadores como protagonistas, onde crean ambientes minimalistas que evocan a esa película da que el fala. A través dos mínimos elementos é capaz de crear emoción, de hipnotizar e de ver esas cores máis alá da portada gris do disco. Moi na onda da banda sonora de Blade Runner, feita por Vangelis.





⑫ Jamie XX - In Colour

Traballo en solitario do DJ de The XX, que ven moi ben xa que os británicos non se decidiron a publicar nada este ano. Está moi ben este disco xa que atopamos ese minimalismo e demáis elementos familiares dos discos de XX pero ao mesmo tempo un carácter máis animado, optimista e mesmo bailable, fiel reflexo da portada, que fuxe do monocromatismo da banda ao conxunto. Hai temas instrumentais con voces sampleadas e temas onde colaboran os seus compañeiros de banda Romy e Oliver, polo que non queda moi descolgado do resto da discografía da banda. É un traballo vitalista e moi fresco que entrou moi ben.




⑪ Dover - Complications

Dover na súa época guitarreira eran unha banda caralluda, sempre me gustaron mesmo na época de "The Flame" ,o  que fixeron despois foi unha mágoa. Coa xira 20 aniversario do "Devil Came to Me" por garitos pequenos volveron a ese espirito guitarreiro, eu puidenos ver na Sala Moon e pareceume que seguían tendo moita actitude. Este traballo supón unha volta a esas raices rockeiras, pero non é un "Devil Came to Me II", atopamos moita melodía cercana ao pop, supoño que influenza dos discos anteriores, polo que situaria este disco entre "The Flame" e o "Follow the City lights". Atopamos a volta da voz rasgada de Cristina en "Crash" e moitas guitarras, por todos lados. O disco foi grabado no local de ensaio por eles mesmos e a verdade que foi un acerto total, xa que recolle a suciedade que perderan atrás. Non é unha volta ao pasado, senón unha mirada adiante.



⑩ Melide - Rururbana

Comezamos esta segunda metade do ranking cunha forte aposta por un músico de aquí, Melide, membro do colectivo HipHop Ateneu. Foi un disco que me sorprendeu moito, foxe do típico perfil de malote rapeiro para mostrar unhas letras de caracter intimista e combativo que viaxan entre o fondo da Galicia rural e as luces de Compostela dun xeito moi hábil. Ogallá que o 2016 traia novo disco!


⑨ Cancer Bats - Searching for Zero

Novo e agardado disco dos Cancer Bats, que levaban dende 2012 sen sacar material novo. A producción  correu a cargo do mítico Ross Robinson, polo que agardábase algo gordo. Se o seu anterior disco supuxo un certo cambio no seu son, neste aumenta esa evolución, que por momentos se atopa cada vez máis preto de Black Sabbath como en "True Zero" ou "Beelzebub". Isto non significa que deixen o punk e hardcore de lado, xa que atopamos trallazos como "Devil´s Blood" máis cercano aos seus primeiros discos ou a máis actual "Satellites" cunha melodía pouco habitual na súa carreira. En conxunto é un disco moito máis rockeiro que decepcionará aos máis hardcoretas do lugar, pero dende logo dota á banda de moita máis personalidade e autenticidade.



⑧ Xabier Díaz - The Tambourine Man

O Xabier púxonos os dentes longos co adianto que sacou antes de verán e fíxonos agardar ate outubro pero valeu a pena ao escoitar o resultado, coidado ata o mínimo detalle. O gran protagonista do disco é a percusión, volvendo á raíz máis primitiva da música tradicional. Son doce pezas recollidas da tradición dos distintos pobos de Galicia e arraxadas de xeito moi minimalista (percusión, acordeón, zanfoña, violín e voz) levando as cancións a un lugar máis alá do folk tradicional, non sei se é cousa miña, pero eu atópo certo misticismo que hipnotiza nestas pezas e sobre todo moita emoción no xeito de cantar de Xabier. "Langueirón", "Pasodobre de Beo" "Cantares de Tordoia" ou "Cantiga da Montaña" destacan especialmente, facendo que sexa un disco folk non ao uso.




⑦ Boni - Incandescente

Na vida ou eres de Ruta ou de Maycar, dos Ramones ou dos Sex Pistols, dos Beatles ou dos Rollings Stones, e dende a separación de Barricada do Drogas ou de Boni. Eu teño claro de que lado estou. O Drogas sacou xa unha chea de discos ben con Txarrena ben en solitario que me din máis ben pouco, facendome ver que vive máis de ser unha personaxe pública chamativa que de facer bos discos. Polo outro lado está Boni, que estivo calado sen chamar a atención e de repente saca da manga este doble disco que estivo preparando todo este tempo. O primeiro cd é eléctrico, 11 temazos de rock&roll que só el sabe facer, con moitas melodías que lembran aos mellores Barricada e outros que van máis alá sorprendendo gratamente como "Lluvia Torrencial" ou "Crónica de Iguala". O segundo cd é acústico, pero non por iso deixan de aparecer baterías ou guitarras con distorsión. Esta segunda metade é distinta ao que nos ten acostumados, só recordando algo ao "Mordiscos" de Barricada. É unha parte máis calmada pero as cancións seguen sendo igual de boas como  "Desde Arriba" e "Infierno". Como despedida deixanos unha revisión dun antigo tema "Cierra los Ojos" dándolle un carácter máis emotivo. Pensando neste asunto vénme á cabeza o conto da Formiga e a Cigarra, moralexa?

⑥ Ghost - Meliora

Os suecos Ghost (sen B.C.) coa publicación do seu terceiro disco acaban de afianzarse e atopar o seu oco no mundo do metal. É curioso como esta banda causa amor absoluto ou odio na comunidade rockeira, pero iso é o que os fai únicos. Con "Meliora" traen unha estética nova próxima ao Art-Decó, novas máscaras e un lixeiro cambio no seu son, máis directo: seguen con arranxos musicais moi coidados pero as voces non soan tan superproducidas e pomposas como no anterior traballo "Infestissuman" e as guitarras gañan peso. Se "Infestissuman" inspirábase máis nos anos 60 "Meliora" vexoo máis de finais dos 70. É un disco moi estudiado para unha banda que é carne de cañón do mercado americano, que adoita gustar da teatralidade nos concertos. Esa teatralidade está presente no disco, pero as cancións son máis dixeribles e teñen melodías moi pegañentas nos estribillos.  O mellor de todo é que pese aos cambios seguen tendo esa fodida personalidade que os fai ser únicos.


⑤ Gallows - Desolations Sounds

Segundo traballo desta segunda etapa da banda co ex-Alexisonfire Wade McNeil ao frente. Dende o lanzamento do anterior disco a banda pasou de dous a un guitarrista e lanzaran o Single "Chains" mostrando un novo son, moito máis escuro. "Desolation Sounds" efectivamente vai na liña dese son moito máis escuro, inspirado en bandas góticas e post-punks de finais dos 70, polo que atopamos menos hardcore e máis melodía na voz, pero a min o resultado encántame. Segue habendo temas salvaxes e  brutais como "Mystic Death" "Leviathan Rot" ou "Leather Crown" pero tamén novos elementos como "Desolation Sounds" ou "Bonfire Seasons". O anterior disco fora un éxito inesperado e quizáis con este pasoulles un pouco ao revés, non calou na xente o que eles esperaban, ademáis as situacións persoais dos membros a dia de hoxe  fai que a banda sexa máis inestable e non poidan facer xiras de presentación como é debido, pero a pesar do futuro incerto de Gallows, deixaron un disco moi interesante que incorpora elementos que van máis alá do hardcore e que aínda tendo pouco que ver coa época do "Grey Britain", trátase dun traballo con moita máis personalidade.

④ Prodigy - The Day is my Enemy

Seis anos dende o anterior "Invaders must Die", seis putos anos que se fixeron moi longos, pero que de novo valeu a pena esperar. "The Day is my Enemy" é un discazo, segue na liña melódica do seu anterior disco pero ao mesmo tempo incorporan moita violencia na súa música, capaz de facer pogos que deixan en vergonza a algún grupo do Resurrection.  Temazos como "The Day is my Enemy" "Rebel Radio" "Medicine" ou "Wall of Death" son boa mostra desa violencia. Polo medio atopamos pezas que axudan a relaxar un pouco a orella como "Beyond the Deathray" ou "Invisible Sun" que non sorprenden.




③ Bring me the Horizon - That´s the Spirit

Entramos no podium. Este foi un dos discos máis agardados dos ano, dende que a banda publicou o anterior traballo "Sempiternal" abriron un novo (e polémico) camiño alonxado das súas raices deathcore. O disco efectivamente está moi alonxado do deathcore, mesmo se alonxa do Sempiternal, sendo moito máis baseado en estruturas clásicas propias do rock alternativo,ausencia de voces rasgadas e guturais, sintetizadores e elementos de eletrónica e estribillos pegañentos. Pareceueme que deron un paso arriscado pero que funcionou, xa que deixaron un moi bo disco, con moitos singles efectivos como "Avalanche", "Happy Song", "Drown" ou "True Friends". Ademáis destes temas que entran directos, atopamos outras pezas máis  experimentais como "Follow you" cercana ao R&B ou "Oh Now" a miña favorita do disco, que bebe do indie e mesmo meten saxofón. Non hai recheo neste traballo, as cancións que están son todas xeniais, e o que fai grande este traballo é a falta de complexos á hora de afrontar os temas, a pesar das críticas que lles choven. Hai bandas que andan e outras que abren camiños.

② New Order - Music Complete

Sorpresa cando se anunciou que a banda de Bernard Summer (mágoa de Peter Hook) ían a publicar novo traballo. O adianto "Restless" mostraba unha volta ao rock alternativo, xa presente nos últimos traballos da banda. O resultado final foi moito mellor do esperado xa que atopamos multitude de elementos que definiron o son New Order ao longo de toda a súa traxectoria, comezando pola portada deseñada polo mítico Peter Saville. Máis alá de Restless atopamos a escuridade e os sintetizadores en "Singularity" ou "Academic", as liñas de baixo solistas caracteríscas da banda, as pezas bailables como "People on the High line" e "Plastic" que lembran á época Ibiza. Como engadido temos colaboracións de Iggy Pop e Brandon Flowers de The Killers para rematar de facer un disco que non me canso de escoitar.






① Enter Shikari - The Mindsweep

Pois si, este é o number1 do meu ranking no 2015, paréceme un absoluto discazo e que escoitei unha chea de veces ao longo do ano, ao sair en xaneiro tiven tempo de escoitalo ben. Enter Shikari viñan de publicar "Flash Flood of Colour" que para min é o seu mellor disco, e se ben "The Mindsweep" non o supera polo menos está á mesma altura. O comezo do disco non pode ser máis emocionante con "The appeal and the Reason" e "The One True Colour". Logo o bombazo de "Anesthetist" que fala sobre a pequena epidemia que se viveu co ébola, ou xa ninguén se lembra? Logo veñen temazo tras temazo o single "The Last Garrison", "Never let go the Microscope", "Myopia" e "Torn Apart". Con "Interlude" diviven o disco en dúas metades e axuda a tomar un pouco de aire. A segunda metade quizais non está á altura da primeira pero inclúe "Dear future Historians..." peza super-épica en piano. A edición especial inclúe as pezas do Rat Race EP que sacaran en 2013, entre as que se atopa "Radiate". Todo isto fai que o album estea repleto de moi bos temas. A estas alturas a personalidade da banda está máis establecida, quizáis máis madura e calmada por momentos pero máis afianzada. Xa non falamos de metal con sintetizadores, nin pinceladas de rap, trip-hop, pop, drum&bass ou indie, senón unha amalgama de todo, misturado con moita elegancia sacando un resultado único. A maiores, ven de publicarse recentemente "The Mindsweep: Hospitalised" un traballo de remixes do disco moi interesante.

Foi o disco que máis veces escoitei ao longo do ano e non podía estar noutro posto que este. Espero que vos preste este disco tanto como a min.